Saturday 18 de May de 2024

O Concello reactiva o Consello Sectorial de Saúde para impulsar novas iniciativas que melloren a calidade de vida da cidadanía


 

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, presidiu esta mañá en María Pita a primeira sesión plenaria deste mandato

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, presidiu esta mañá no salón de plenos de María Pita a primeira sesión extraordinaria para a constitución do Consello Sectorial de Saúde correspondente ao presente mandato.

Deste xeito, o Goberno local reactiva un foro destinado a canalizar a participación cidadá nos asuntos municipais que poidan ter incidencia na saúde e co que pretende impulsar e levar a cabo medidas que sirvan para mellorar a calidade de vida da cidadanía, sempre en colaboración coas entidades sanitarias da cidade. Cruz Vermella, Aclad, Fegerec, Afaco, Agalure así como distintos colexios profesionais, centros universitarios da UDC e a plataforma SOS Sanidade Pública foron algunhas das entidades presentes no pleno.

Desde Benestar Social destacan que durante todo o ano poderán sumarse ao consello aquelas entidades que cumpran os requisitos e que aínda non presentasen a súa solicitude.

A orde do día recollía, ademais do acto de constitución, o decreto de alcaldía polo cal a alcaldesa, Inés Rey, delega a presidencia do consello na segunda tenente de alcalde e responsable das áreas de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira.

Durante a sesión, tamén se informou ás persoas integrantes do pleno do consello sobre os requisitos e prazos para presentar propostas e candidaturas para a elección da vicepresidencia do consello e dos/as vogais.